04/11/2013

As Matemáticas da Supervivencia do Galego

ENDL

O martes 12 de novembro celebraremos unha nova edición do Día da Ciencia en Galego e participaremos na videoconferencia promovida pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, como fixemos o ano pasado.

Nesta ocasión contamos co coñecido divulgador científico Jorge Mira como protagonista convidado, un luxo para esta xornada.

A súa palestra titúlase "Como medir tamaños e distancias da Terra, a Lúa e o Sol"  e contaranos como fixeron eses gregos para saber o tamaño do mundo que habitamos e calcular a distancia á lúa e o sol e os seus tamaños, usando tan só o bo hábito de observar con coidado o que nos rodea.

Esta convocatoria ten tamén un obxectivo normalizador. Trátase de reflexionar sobre a importancia de valorar a Ciencia como parte da nosa Cultura e como tal, comprendela, expresala e divulgala na nosa lingua, da que estivo separada durante tantos anos.

Jorge Mira participou nun interesante estudo sobre o Futuro da Lingua Galega. Neste estudo facíase unha proxección da evolución do número de falantes en cada lingua. O resultado do modelo matemático é o seguinte:



Aquí deixamos un vídeo de 4 minutos de duración onde explica brevemente as conclusións atinxidas. A seguir propoñemos unhas cuestións para o debate na aula.



Precisas o Flash Player para ver o video.
1. Neste estudo sobre a supervivencia da Lingua Galega, que papel desempeñou Jorge Mira?
2. Segundo os estudos científicos que cita, que acontece cando conviven nun mesmo territorio unha lingua poderosa e unha lingua feble?
3. No caso de Galicia que lingua ocupa cada lugar?
4. Jorge Mira identifica un factor chave para que en Galicia non haxa tal depredación. Cal é este factor?
5. Que porcentaxe de poboación era monolingüe en galego a principios do S. XX?
6. Segundo o modelo matemático, en que ano a maioría dos/as galegos/as falará só castelán? Que opinas deste feito?
7. Jorge Mira sinala que hai marxe para que as dúas linguas convivan. Faríano en pé de igualdade?
8. Expresa con porcentaxes entre monolingüe galego, monolingüe castelán e bilingüe a situación que che gustaría que houbera na Galicia do futuro. Que medidas tomarías para conseguilo?

2 comentarios:

  1. Somos alumnos do IES Rafael Dieste na Coruña, tamén imos a estar na videoconferencia do 12 de novembro. Esta achega vosa gústanos e axúdanos.
    Parabéns!
    Vémonos o 12!

    ResponderEliminar
  2. Ola! Grazas polo comentario. A ver se podemos mandarvos un saúdo o martes 12 polo chat da videoconferencia. Unha aperta!

    ResponderEliminar