21 de nov. de 2013

A Estatística nas Aulas de Secundaria


Hai uns días tivo lugar na Fundación Barrié da Coruña o XI Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións organizado por SGAPEIO. A grande parte das comunicacións do Congreso trataron de temas técnicos sobre as liñas de investigación activas nas diferentes institucións galegas competentes nesta área das matemáticas.

Porén, deixaron un oco para un espazo onde se fala moito dos conceptos iniciais e se desenvolven proxectos tanto de Estatística como de Probabilidade: as aulas de secundaria.

A sesión estivo guiada polo profesor Víctor Pollán (IES Poeta Díaz Castro) que comezou cunha pequena introdución sobre a presenza da Estatística nos diferentes currículos de secundaria e sobre a súa situación actual. Puxo o foco en que a formación que temos moitos dos que nos encontramos todavía en exercicio foi escasa nesta área (unha grande maioría tivemos una materia nos 5 cursos) e que xa que esta parte se traballa pouco nos institutos os proxectos educativos en torno a ela adquiren máis valor.

Gonzalo Temperán profesor no IES de Monelos, trouxo unhas experiencias de traballo en grupo para os cursos superiores da ESO e BAC, realizadas estes anos pasados. Gonzalo presentou experiencias clásicas de Probabilidade Manipulativa: Estimación de PI por métodos de MonteCarlo, o aparello de Galton, paseos aleatorios... Unha serie de actividades de grande interese didáctico, cun enfoque clásico e divertido. Podes ver aquí a súa presentación.



A intervención do profesor Jesús Rovira (IES Xoán Montes) conectou á perfección coa do seu compañeiro. Tratou moitos temas dos que falara Gonzalo mais mudando o enfoque clásico por un máis moderno orientado á simulación e traballando con Follas de Cálculo. Achegamos este material excepcional creado por Jesús para realizar as nosas simulacións na aula sobre problemas clásicos.



A continuación falou un tal Manuel Vilariño (IES do Camiño) que contou as súas (discretas) experiencias no mundo da estatística e do orgulloso que estaba do blogue Ciencia no Camiño. Un pouco fachendoso, pero ben.



Remataron o acto Gonzalo Cruz, Celia Ruiz e Paula López, estudantes do Grao de Estatística que nos presentaron o seu proxecto de App para dispositivos móbiles EasyStats!. Moita forza para eles/as e que axiña vexa a luz!

Agradecemos a SGAPEIO e, especialmente, a Víctor o convite realizado e animamos a seguir puxando para que a área de Estatística e Probabilidade, sen dúbida a máis divertida das matemáticas, goce do espazo que merece no ensino secundario.



2 comentarios:

  1. Quen será o Manuel Vilariño ese... Comento para mencionar que o da formación non é exclusivo da Estatística: de ningunha rama das Matemáticas que traballamos nos institutos temos formación (Inferencia Estatística non prepara para o ensino secundario). Está moi ben saber que o corpo dos racionais é o corpo de fraccións do anel dos enteiros, pero como explicas a división de fraccións a cativos de 12 anos? Teño a impresión de que a nosa formación está ben para dar Análise Matemática e Álxebra Linear a nivel de 2º de BAC, e para de contar...
    Para a seguinte a ver se vou, mentres tanto, tedes que sacar as fotos máis preto ;)

    ResponderEliminar
  2. Eu non teño nada claro o da formación en metodoloxía. Seguro que hai excelentes profes cun estilo docente no que eu non encaixo para nada. Mesmo agora non encaixo co que facía eu hai 3 anos nin co que farei dentro de 3. Penso que a chave é manter a ilusión polo que fas, renovarte e traballar en contacto outros compañeiros estando atento á actualidade e intentar pasalo ben. Non boto de menos ningunha clase de "Didáctica" nin un 2º ano do CAP. Dáme que ti tampouco ;)

    ResponderEliminar