28/02/2013

Marta, Cóntoche a Vida?

 texto Silvia Viña,  debuxo Valentina Hornos (1º ESO)

- Ola Silvia!

- Ola Marta!

- Cando ía camiñando pensei: ”Como pode ser que exista o universo, como existimos nós?”… E cando vin a túa casa decidín virche preguntar se o sabías.

- Pois mira que sorte tiveches, nós na clase de ciencias naturais estámolo dando.

- Poderíasmo contar?

- Claro, senta naquel banco que cho conto. Todo empezou cunha grande explosión chamada “Big Bang”. Grazas a esa explosión formouse o universo e o Sol. O Sol empezou a formar o Sistema Solar onde había 8 planetas. Un dos 8 planetas era a Terra que se formou hai 4.500 millóns de anos.
Marta sabes que é una célula?

- Si, é como un bichiño  microscópico que está no noso organismo.

- Exacto, Marta. Pois é que fai 3.700 millóns de anos apareceu a primeira célula. Despois  desta célula foron aparecendo máis células. Tamen apareceron unhas células que producían osíxeno. Grazas a ese osíxeno empezouse a formar a vida, como esponxas, fungos, algas,medusas…Pero….

- Que emocionante, pero como sigue!

- Hai 450 millóns de anos houbo una extinción masiva.

- Pero  acabou con todo?

- Non, algunha vida non morreu e esa vida evolucionou e apareceron as plantas, insectos, anfibios e réptiles. Aos 400 millóns de anos os dinosaurios, aves, mamíferos....

- Como mola! Pero eran dinosaurios, dinosaurios?

- Non, eran dinosaurios pequenos. Os grandes apareceron hai 100 millóns de anos. Pero depois de existiren os dinosaurios, os 65 millóns de anos hai una extinción masiva.

- Cantas extincións!

- Si, pero grazas a está extinción hai outra evolución da vida a chimpancés,  cabalos, gorilas e felinos. E sobre todo aos 4 millóns de anos aparecen os primeiros australopythecus.

- E que eran os australopythecus?

- Os australopythecus eran monos que parecían homes moi peludos que andaban a dúas patas.

- Que guay!

- Despois desas criaturas foron evolucionando hasta chegar os homo sapiens sapiens, que somos nós. Chegou tamen hai 30.000 anos a arte rupestre, a metalurxía, as táboas sumerias, os xeoglificos e a roda. Tamen apareceu o latín, que as nosas linguas derivan del. E cara os 100 anos apareceu a luz eléctrica.

- Dígoche que o noso pasado é moi emocionante.

- Espero que te sigas interesando pola ciencia.

- Despois disto, si que me seguirei interesando pola ciencia. Gracias, por contarmo.

- De nada Marta. Adeus!





Traballo baseado neste espectacular TimeLine de John Kirk

Unha propiedade do 123

por Adrián Viña (2º da ESO) (*)

Gústanme eses números misterioso. Eses números que, case como por arte de maxia saen sempre como resultado un número en concreto.Números como o 6174 (a constante de Kaprekar para números de catro cifras, traballo que xa expuxo a miña compañeira Florencia). Estes números sempre atraen a moita xente que queren saber a fórmula para que a maioría das veces dea como resultado 123 ou 6174. Soupemos a fórmula destes dous números grazas ó noso profesor que sempre nos mostra números deste tipo. Hoxe amosareivos a  curiosa propiedade do número 123 que fai que sexa un número misterioso.

A propiedade do 123 á que me refiro é a seguinte:

Tomamos un número enteiro positivo, calquera de tres ou máis cifras, e contamos cantas delas son pares e cantas impares, e con estes datos construímos un número da seguinte maneira: colocamos primeiro a cantidade de cifras pares que tiña o inicial,despois a cantidade de cifras impares e logo a cantidade total de cifras que tiña. Co número obtido facemos o mesmo, e así sucesivamente. Sexa cal sexa o número inicial sempre acabaremos no 123, e non sairemos del.

Vamos ver un exemplo: tomamos, por dicir algún número, o 1393689435270791425804432970463, número construído por todos os membros da clase. Este número ten 15 cifras pares e 16 cifras impares. Como ten 31 cifras, con el obtemos o número 151631. Facemos o mesmo con este: 1 díxito par e 5 impares.  Como ten 6 cifras, obtemos con el o 156. Este ten 1 cifra par e 2 impares, como ten 3 cifras, obtemos o 123. E agora o 123 ten 1 díxito par e 2 impares, como ten 3 cifras obtemos o 123 de novo, por tanto o 123 tragouse o número 1393689435270791425804432970463.

Se o número ten 4 cifras ou máis, chegaremos sempre a un número de 3 cifras despois de aplicar o proceso unha certa cantidade de veces. Cando se chegue a ese punto utilizase o que comentamos antes e volvemos chegar sempre ó 123. en consecuencia, esta propiedade do 123 é certa sexa cal sexa o número enteiro positivo de tres ou máis cifras co que comecemos.

Pois así acabo de mostrarvos esta fórmula, que con ela xa sei algo máis detse tipo de números que dalgunha maneira acaban igual.

(*) Baseado nunha entrada do magnífico blog de contido matemático gaussianos.

27/02/2013

Unha Familia de Primos

Da serie "Regularidades Numéricas", Javier Ouro (1º ESO) preséntanos este debuxiño dunha curiosa familia de primos.



Tempo de Enxertar

por José Carballal (1º ESO)

Neste tempo de Entroido é tempo de enxertar. Na casa facémolo do seguinte xeito:

PRIMEIRO: Hai que preparar as púas desa mesma árbore. Contoume un veciño que hai unha árbore que se chama espiño que se lle enxertas por exemplo púas de pereira saeche unha pereira. Prepáranse meténdoas na terra uns dias antes para que non se sequen.

SEGUNDO: O sacar as púas da terra hai que lle cortar a póla que se vai enxertar. Hai que cortar a póla recta cunha serra.

TERCEIRO: Despois cunha navalla faiselle un corte horizontal para meter o enxerto entre a cortiza e a póla.

CUARTO: Con abono e barro envólvese por arriba e polos lados e ao final envólvense con plástico e un cordón.

Isto faise pora renovar a árbore ou para cambiar de variedade. Por exemplo ti podes ter unha maciñeira con varias especies de mazás como golden, vermella etc.

Na casa estivemos a enxertar unhas maciñeiras e saquei unhas fotos para o blog:







25/02/2013

Celebrando o Día de Rosalía

polo EDLG

Este ano 2013 conmemoramos o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos (baixa a edición facsímil) de Rosalía de Castro, a nosa máis grande escritora. Este acontecemento é trascendental para a historia da literatura galega e, en xeral, da nosa lingua, xa que se considera que pon fin aos Séculos Escuros e marca un rexurdir do galego como lingua viva para alén dos usos populares nos que foi recluída durante tantos anos.

A figura de Rosalía segue a ser estudada e interpretada na actualidade. Na forza dos seus versos xúntanse moito máis do folclore sentimentalista no que foi situada. 

Rosalía foi unha loitadora do seu tempo, rebelde contra as inxustizas sempre do lado dos desfavorecidos, a favor da causa das mulleres e da lingua galega, para a que reiniciou a súa Historia.

No noso centro educativo sumámonos aos actos propostos pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e ao seu manifesto reivindicativo.

Xunto coas actividades desenvolvidas nas aulas, expuxemos no recibidor do noso centro unha escolma de poemas dos Cantares para nos seguir enchoupando da súa enerxía 150 anos despois.


Dende o EDLG pedímosche que participes nesta celebración deixando a túa pegada nun comentario, escribindo uns versos de Cantares Gallegos (aquí a versión en html):

23/02/2013

739939133 Un primo especial


Achegamos un deseño (preme para ampliar) realizado por Meritxell (1º ESO) que recolle a propiedade dun número primo moi especial: O 739939133.

Este número é o maior primo que verifica que se lle quitamos unha cifra da dereita, o número resultante segue a ser primo.




22/02/2013

Ecosistemas con GIMP e códigos QR

Traballo realizado polo alumnado de 2º da ESO

 O traballo que presentamos foi realizado polo alumnado de 2º de ESO coa aplicación informática GIMP. Trátase dun sistema de edición dixital da imaxes que permite o tratamento utilizando a técnica de capas. É, ademais, un software libre e gratuito instalado en todos os equipos do Proxecto Abalar.

Cada parella tiña asignado un ecosistema. Procuraron unha imaxe de fondo en internet e foron acrecentando os elementos máis característicos establecendo entre eles as relacións bióticas correspondentes. Para lle dar homoxeneidade ao traballo e incorporar elementos innovadores, engadíronse códigos QR de texto, substitutivos de títulos e sinaturas, que identifican o ecosistema e os autores/as da composición.

Finalmente o traballo foi presentado coa axuda da Pizarra Dixital Interactiva en clase e exposto nos corredores do instituto.

Para a avaliación tivéronse en conta aspectos técnicos e curriculares. Valorouse o acabado final, a orixinalidade, a incorporación de filtros e outros retoques, uso de escalas, perspectivas e simetrías, etc...En cada composición debían estar presentes relacións bióticas entre os elementos incorporados, e na presentación se debía detallar as características climáticas, ambientais, xeográficas, ... do ecosistema e a  pirámide trófica correspondente, con presenza de individuos de cada nivel trófico.

   

O traballo complétase co seguinite exercicio a desenvolver nos comentarios:

Exercicio: A partir das presentacións realizadas polos teus compañeiros/as, elabora unha frase que recolla algún aspecto técnico ou algunha característica dos ecosistemas estudados.

14/02/2013

Xogando con Kaprekar

por Florencia Hornos (2º da ESO)

O número 6174 é coñecido como a Constante de Kaprekar ou a Operación de Kaprekar na honra do seu descubridor o matemático indio D.R. Kaprekar. Este número ten unha interesante propiedade, se seguimos estes pasos:

1. Escoller calquera número de 4 díxitos (agás 1111, 2222, ...)

2. Ordear os 4 díxitos en orde ascendente para obter o minuendo dunha resta.

3. Ordear os 4 díxitos en orde descendente para obter o substraendo da mesma resta.

4. Calcular a diferenza entre os números obtidos.

5. Se o resto non é igual a 6174 repetir os pasos anteriores, engadindo ceros necesarios para completar os catro díxitos.

Esta operación repetida varias veces (non máis de 7!) termina no 6174 xa que se repetimos queda 7641-1467=6174.

Para xogar un pouco con esta propiedade na clase escollimos tres números: 

- 1422 suxerido por Richard.
- 3605 suxerido por Adrián V.
- 1963  suxerido por Paula.

Este foi o resultado:


 

13/02/2013

Rede Trófica dos Montes da Ulloa

por Clara Souto e Luis Ángel Bran (2º ESO)

Nesta Unidade Didáctica de Naturais estamos traballando a estructura dos ecosistemas, por iso o noso compañeiro Luis representou con un debuxo (preme para ampliar) a rede trófica dun monte calquera da comarca da Ulloa.

Vemos como os productores son as xestas, as ortigas, as herbas, os musgos e os fungos. Os consumidores primarios son os teixugos, os xabaríns, as lebres e os saltóns. Os consumidores secundarios son os corvos, as curuxas e as serpes. E por último os consumidores terciarios son o lobo e a águia.

O lobo, un consumidor terciario, aliméntase dos teixugos os cales consumen xestas, ortigas e herba. Aliméntase tamen das lebres, e estas tamén consumen xestas, ortigas, herba, fungos e musgo. O lobo, tamén se alimenta das serpes, e estas comen aos teixugos e as lebres. E por último o lobo come os xabaríns que estes aliméntanse de xestas, ortigas, herba e musgo.

A águia, unha consumidora terciaria, aliméntase de corvos os cales cazan saltóns. Os saltóns consumen herba, xestas e ortigas. Tamén a águia, aliméntase de curuxas que come lebres e teixugos.

O equilibro do ecosistema representado nesta rede trófica é mais delicado do que parece. Depende de nós que estes ecosistemas sigan así.

Coidemos o noso monte!

Rede Trófica dos Montes da Ulloa - Luis Ángel Bran

08/02/2013

Poñer o Burka

Dentro do conxunto de actividades que se desenvolveron no noso centro con motivo do Día da Paz, achegámonos á situación de esclavitude que viven aínda hoxe en día moitas mullleres no mundo. Grazas a colaboración de Médicos sen Fronteiras, tivemos uns días un burka no instituto, a peza de roupa coa que tapan rostro e corpo as mulleres doutras sociedades nas que a ostentación de dereitos básicos segue a ser unha utopía.

Esta actividade tivo a súa semente no artigo A Loita de Malala, escrito por dúas compañeiras de 2º da ESO, no que quixemos apoiar o traballo deste rapaza paquistaní a favor do dereito á educación no seu país.

Enmarcamos a actividade nun contexto especialmente sobrio, sen vídeos nin fotografías, para que de maneira voluntaria, alumnado e profesorado puxera esta prenda e compartira as sensacións que lles produciu esta experiencia.

Esta táboa recolle a estatística cos resultados obtidos:


Estes datos dan lugar á seguinte nube de palabras, que dá testemuña do que sentimos ao poñer o burka.


Agradecemos a todas as persoas que participaron nesta actividade a súa implicación, pero especialmente mandamos un grande saúdo a Amaia de Médicos sen Fronteiras. Ela fixo posible que nos achegaramos un pouquiño a este drama humano contra o que nos rebelamos dende Palas de Rei.

04/02/2013

O Cadrado dunha Suma

por Xeila Vázquez (2º da ESO)

Na seguinte imaxe temos as seguintes figuras coloreadas:

- Un cadrado azul escuro de lado a, que ten área a2
 - Un cadrado azul clariño de lado b, que ten área b2
 - Dous rectángulos laranxas de base a e altura b e viceversa que teñen área ab

Moitos vos preguntaredes: Que teñen que ver as figuras que forman o cadrado grande con averiguar a área do mesmo?

Pois en realidade moito, porque se sumamos as áreas de todas as figuras interiores poderemos observar que a suma é a área do cadrado grande.

Sumando esas áreas pequenas obtemos a2+2ab+b2

Pero por outra parte o cadrado grande ten lado a+b e área (a+b)2
 
Como esas dúas cousas son iguais, acabamos de ver xeometricamente que:

 (a+b)2 = a2+2ab+b2

 Que é a igualdade que obtivemos na clase multiplicando polinomios.

Podes acceder a unha animación interactiva baseada nesta imaxe premendo aquí

03/02/2013

Conmemoracións Matemáticas no 2013

por Samuel Pazos (2º da ESO)

Este ano novo chega cargado de matemáticas xa que este 2013 é o Ano Internacional da Estatística.

Trátase dunha celebración a nivel mundial adicada ao recoñecemento das contribucións da ciencia da Estatística na que participan máis de cen países. No faltarán outros eventos matemáticos. O máis importante é o “Mathematics in Planet Earth” (Matemáticas no Planeta Terra).

Os principais obxectivos deste Ano da Estatística son:
  • Aumentar a conciencia pública sobre o poder e o impacto da Estatística en todos os aspectos da nosa sociedade.
  • Promover a Estatística como unha profesión, especialmente entre a xente nova.
  • Fomentar a creatividade e o desenvolvemento das ciencias da Probabilidade e a Estatística.

En España, o Instituto das Ciencias Matemáticas (ICMAT), é a entidade máis importante que colabora con este Ano da Estatística. O ICMAT é un centro de investigación con sede no campus da UAM. Para Manuel de León, director do ICMAT, a sociedade española tampouco pode permitirse ignorar a grande importancia das matemáticas. “Están presentes en todo o que nos rodea”. El puntualiza que as matemáticas é algo moi importante na nosa vida e defende que España estea entre os países con mellor potencial matemático do mundo grazas aos avances dos últimos 25 anos. Podes escoitar aquí unha entrevista concedida ao programa A Hombros de Gigantes de RNE onde fala destas conmemoracións:



Fernando Blasco, matemático, profesor da Universidade Politécnica de Madrid, interesado pola matemática recreativa, mago aficionado e plenamente convencido de que todo o mundo coñecera máis detalles sobre o que rodea á matemática, acabaría disfrutando con esta disciplina. Para el, este é un reto multidisciplinar, pero pensa que as matemáticas están tanto para estudiar os fenómenos naturais, axudarnos co deseño de obras de enxeñería e redes de transporte e comunicacións. No seu blog grado361 fala sobre as Matemáticas no Planeta Terra.

Por último Elisa Benitez, docente apaixoada pola beleza das matemáticas xunta no seu blogue Que no te aburran las m@tes máis información sobre estas celebracións e engade unha listaxe de ligazóns moi completa. O seu blogue contén ademais multitude de entradas que mostran o entretemento e diversión das matemáticas. Recoméndovos que vos pasedes por el, non vos arrepentiredes.



A Terra contra o Asteroide Apofis

por Iría (1º ESO)

 O asteroide que se supoñía que ía ameazar á Terra batendo co noso planeta no 2036 é maior do que se cría. Segundo datos que obtiveron algúns astrónomos que o seguen, o asteroide Apofis tería un diámetro de 270 metros e o seu tamaño é equivalente a 3 campos e medio de fútbol. A precisión é maior que as medidas que se tomaron no ano 2004.

Os astrónomos que fan o seguemento vírono pasar o xoves 10 de xaneiro, achegouse a 14,5 millóns de kilómetros do planeta Terra, a décima parte da distancia que hai entre o Sol e a Terra.

Se eu fora presidenta da NASA e tivera que deseñar un plan para que o asteroide Apofis non chocase contra o planeta Terra faría o seguinte. Aquí volo expoño para que vexades:

Din que o asteroide vai chocar no 2036, non? Pois eu construiría un super-cañon para desvialo da súa traxectoria. Trataríase dun cañón cun diámetro de máis de 350 metros de longo, que tería dentro máis de quince millóns de botes de pintura branca para que coa pintura se cubrira toda a superficie do asteroide. Deste xeito a luz solar faría que se desviara salvando millóns de vidas humanas. Ao lado do cañón eu construiría un mecanismo con moitas funcionalidades para controlar tanto o cañón como a pintura branca. Ademais crearía moitos postos de traballo tendo en conta que serían moitísimos mecanismos. A Terra quedaría a salvo.