05/11/2012

Tuiteando Partículas

Xa temos preseleccionado o noso equipo de 5 tuiteiras e 2 tuiteiros que retransmitirán a xornada do 6 de novembro dende o noso instituto. O seu traballo será compartir o ambiente co que viviremos en Palas a videoconferencia titulada Facendo Física de Partículas polo Mundo enmarcada dentro das actividades do III Día da Ciencia e a Tecnoloxía en Galego. Esta actividade ten a seguinte fundamentación:

Non é habitual utilizar o móbil nas aulas, de feito todos os centros educativos teñen prohibido o seu uso con carácter xeral. Porén a súa presenza masiva nos niveis altos do ensino secundario e a evolución tecnolóxica que permite o uso de múltiples aplicacións de raíz educativa, motívanos a procurar desenvolver actividades que os incorporen, delimitando axeitadamente a súa utilización, atendendo os recursos dispoñibles en cada grupo e coa formación correspondente ao alumnado sobre cada aplicación ou contorna de aprendizaxe.

O desenvolvemento de actividades didácticas usando Twitter está sendo dinamizada dende diferentes focos (ver comentarios). Trátase unha ferramenta educativa de grandes posibilidades que impón:

- Desenvolver capacidade de síntese (140 caracteres)
- Clasificar información.
- Interactuar con outros usuarios, alumnado e profesorado.
- Estar no medio de comunicación de moda e un dos de maior influencia a nivel mundial.
- Participar en eventos conxuntamente con outros centros.

A videoconferencia do día 6 do novembro é un escenario inmellorable para poñer a proba o uso educativo de Twitter. Están convocados case 100 centros e máis de 6000 alumnos/as de toda Galicia. A nosa voz será achegada por estes 7 alumnos/as de 1º de BAC que se presentaron como voluntarios/as para tuitear o evento dende o seu smartphone e o seu perfil de Twitter recibindo unha sesión de formación sobre os obxectivos desta actividade:











Usaremos nos nosos tuits o HT #palas ademais do HT #cienciaetecnoloxiaengalego achegado pola organización do evento. 

Dende o Equipo de Dinamización Lingüística do noso centro queremos achegar as nosas enerxías para normalizar, fortalecer e difundir o uso da nosa lingua en todos os ámbitos, tamén na Ciencia e tamén nas Novas Tecnoloxías. Moitas grazas aos nosos tuiteiros/as por asumiren este reto e esta responsabilidade. Estamos seguros que serán unha excelente representación. Moitas forzas para eles/as. Teñen todo o noso apoio!


1 comentario: