30/11/2012

Recitando Celso Emilio

O día 12 do decembro a Coordinadora de ENDL convócanos a unha homenaxe ao grande poeta Celso Emilio Ferreiro no 100 aniversario do seu nacemento. O acto central desta xornada será o recitado simultáneo ás 12h dun dos seus poemas máis coñecidos Deitado frente ao mar de Longa noite de Pedra.

Dende o EDLG do IES do Camiño de Palas de Rei queremos unirnos a esta xornada e que tanto alumnado como profesorado se anime a recitar ou cantar algún poema entre as 11:30h e as 12:30h.

A resposta do alumnado foi moi boa, e van ter que quedar moit@s voluntari@s sen tempo. 5 alumn@s de cada curso irán baixando ao Salón de Actos cada un co seu poema previamente seleccionado e voltarán as aulas unha vez teñan finalizado. Con isto queremos interromper o mínimo posible o normal decorrer das clases.

No Salón de Actos disporemos dun micrófono con pé, a pantalla proxectando o nome e poema de cada alumno/a e unha webcam que gravará toda a actividade.
Temos preparada tamén a emisión ao vivo do evento vía streaming utilizando a plataforma ustream.tv, aínda que intentaremos mellorar a calidade da conexión para que finalmente a retransmisión sexa posible.

Ás 12h Alexandre de 1º de BAC representará ao noso centro neste recitado simultáneo. Querémoslle agradecer especialmente o seu compromiso e mandarlle todos os nosos folgos para que goce ao máximo deste momento.

Por último, completaremos a xornada deixando ás 12h a pegada de Celso Emilio Ferreiro no Twitter a través da actividade Recituiteando Celso Emilio.


Ilustración: proxecto Audiovisual IES As Barxas de Moaña



Ningún comentario:

Publicar un comentario